Friday 03 de May de 2024

A Xunta apoia o talento da mocidade galega e abre o prazo de inscrición na iniciativa ‘A creatividade a través da gráfica’


Trátase dunha acción integrada por talleres interactivos de calcografía, xilografía e litografía que se desenvolverán esta primavera na Fundación CIEC en Betanzos (A Coruña)
A Xunta de Galicia abre o prazo de inscrición de inscrición na iniciativa A creatividade a través da gráfica, que terá lugar na Fundación CIEC en Betanzos e estará integrada por tres talleres de gráfica interactivos: calcografía, xilografía e litografía.

Cada taller contará cunha duración de 20 horas e desenvolverase os sábados dos próximos tres meses: calcografía en abril, xilografía en maio e litografía en xuño. O número de prazas ofertadas é de seis por cada obradoiro.

Esta iniciativa ten como destinatarios os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos. Poderán inscribirse a través do formulario electrónico dispoñible no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O prazo de inscrición estará aberto desde o 26 de marzo ata o 4 de abril.

Os obxectivos fundamentais desta iniciativa da Consellería de Política Social é fomentar a creatividade xuvenil, como mostra da iniciativa e do talento que amosa a mocidade galega; facilitarlle aos mozos e mozas as plataformas nas que manifesten a súa inquedanza artística e cultural, ao mesmo tempo que desenvolven as súas capacidades e habilidades.